sábado, 3 de marzo de 2007

Ola, ós da Terra


Ola xentiña, estas son as miñas primeiras verbas ós que estades aquí na Terra. Que coma sempre, algún pouco letrado deu en chamar choros aquelo que se lle escapaba das entendedeiras. Veño dun sitio onde todo é perfecto: casa quentiña das de fartura no xantar, cama moumiña das de perguiza consentida e mans doces das medradas para aloumiña-los beizos. Oinvos de todo alí dentro, mais ogallá esto sexa igual de sinxelo e xenial.

Polo de agora dicirvos que segundo uns fulanos que se atopaban nunha habitación excesivamente fría e sen música, fan falla 52 raiñas das chamadas centímetros para chegar dende os pes á cabeza.
Coas poucas horas que levo aquí fora, repito onde a cousa está algo fría de máis, diría eu, non chego a acertar onde está a ventaxa ou desventaxa de xuntar tanta raiña. Iso si, ó Anxo a cousa parécelle normal e á Mar desfaise en loubanzas lembrando outro dato: 3 kilos e 900 gramos. Que digo eu, aquí todo vai numerado?.

Se me permitides vou durmir un anaco.

1 comentario:

Iván dijo...

Ola Pepe:
Son o teu irmán, o máis vello e menos peludo dos dous que tés (non é que sexa calvo, é que o do medio, Anxo, tén moito pelo, xa verás que ben o pasas cando che empece a dar por agarrarllo)
Onte entereime de que xa andabas pola rede, inda que non me cargou a túa páxina. Hoxe tiven máis sorte e por fin te podo saudar. Xa que non vou estar moito ó teu lado, mantereite informado da miña vida por aquí sempre que teña algo que contarche :)
Por certo, para poder saudarte tiven que rexistrarme e agora teño un blog eu tamén. Estarás contento!!! eu que presumía de ser dos poucos que andan a miudo por internet e sobrevivía sen un blog.

Veña, un biquiño irmanciño.