
Ola xentiña, estas son as miñas primeiras verbas ós que estades aquí na Terra. Que coma sempre, algún pouco letrado deu en chamar choros aquelo que se lle escapaba das entendedeiras. Veño dun sitio onde todo é perfecto: casa quentiña das de fartura no xantar, cama moumiña das de perguiza consentida e mans doces das medradas para aloumiña-los beizos. Oinvos de todo alí dentro, mais ogallá esto sexa igual de sinxelo e xenial.
Polo de agora dicirvos que segundo uns fulanos que se atopaban nunha habitación excesivamente fría e sen música, fan falla 52 raiñas das chamadas centímetros para chegar dende os pes á cabeza.
Coas poucas horas que levo aquí fora, repito onde a cousa está algo fría de máis, diría eu, non chego a acertar onde está a ventaxa ou desventaxa de xuntar tanta raiña. Iso si, ó Anxo a cousa parécelle normal e á Mar desfaise en loubanzas lembrando outro dato: 3 kilos e 900 gramos. Que digo eu, aquí todo vai numerado?.
Se me permitides vou durmir un anaco.